O túnel avanza a ceo aberto
Unha vez rematada a fase de escavación e cimentación, todo o esforzo da obra de reforma urbana da Porta do Sol está centrado na construción da estrutura do túnel, que ocupará o espazo antes dedicado ao parking.
O esqueleto desta vía soterrada para o tráfico aparece xa visible, cos seus 18 pórticos rectangulares formados polas vigas superiores e inferiores, con corpo de aceiro e formigón, apoiadas sobre as columnas laterais.
Entre estes pórticos esténdese a estrutura en vigas de formigón para o chan e a cuberta, despregando o caixón do túnel que discorre baixo a Porta do Sol desde Policarpo Sanz.
A seguinte fase será a escavación directa do túnel en Elduayen, onde xa quedaron rematados os traballos de pilotaxe para a correspondente cimentación.