Acougo tras a Reconquista
Para confinamento, o de 1809. A xente de Vigo pasou 3 meses confinada nas murallas da vila, sen case que comer. Nin se facía o mercado da Porta do Sol. Ata que chegou a Reconquista.
O día 28 a Porta o Sol era o balbordo. O acoso e asalto á porta da Gamboa dirixido polo coronel Pablo Morillo ao mando das forzas recrutadas en Lavadores, Fragoso, Valadares e outras parroquias, logra recuperar a vila en poder da tropas francesas dos xenerais Chalot e Limousin desde o 31 de xaneiro.
Tal día como hoxe de 1809, Bernardo González Cachamuiña, comandante e gobernador militar da vila, publica o seu bando tras a Reconquista no que pide quietude e acougo “a todos os habitantes desta vila de Vigo, de toda clase e sexo”, ao tempo que ameazaba con “pena da vida e confiscacións de bens á menor contravención”.
Por fin un pouco de calma nesta praza, que dous días antes sentía o estouro dos canóns que as fragatas frota inglesa disparaba sobre os castelos do Castro e de San Sebastián.